viernes, 22 de febrero de 2008

FORO 23 "Debate da esquerda III"

ANARQUISMO

Nos DEBATES DA ESQUERDA que UTOPÍA FORO se propuxo realizar tócalle hoxe a quenda ao anarquismo. As dúas grandes correntes da esquerda no último século e medio foron o anarquismo e o comunismo leninista. Estas dúas ideoloxías discorreron paralelas, cruzáronse, aliáronse e combatironse, enfrontáronse e sempre se viron abocadas a ser as dúas grandes depositarias da esperanza de millóns de traballadores para defender os seus dereitos e para servir de guía no camiño cara a un mundo de xustiza igualdade e liberdade.

Esta diferenza co leninismo é definida por Chomsky coas seguintes palabras: “na doutrina leninista sostense que o partido de vangarda debe asumir todo o poder e conducir ao pobo ao desenvolvemento económico, e, por algún milagre que aínda non se explica, á liberdade e á xustiza. É unha ideoloxía que naturalmente apela en gran forma á intelixencia radical, a quen proporciona unha xustificación para o seu rol como administrador estatal. Eu non podo atopar ningunha razón - nin lóxica nin histórica - para tomalo seriamente. O socialismo libertario (incluíndo unha parte esencial do marxismo) oponse a isto co maior desprezo; e con toda razón.”


Ante o estrepitoso e cruento fracaso do paso do leninismo polo poder, resultaría lóxico pensar que o anarquismo deberia aparecer como a alternativa a seguir. Máis aínda, tendo en conta que a análise e as críticas feitas desde o anarquismo a Lenin, practicamente desde o mesmo momento que triunfa a revolución rusa, resultaron funestamente exactas. Pero obviamente isto non ocorreu, aínda tendo en conta toda a ideoloxía libertaria que hai na actualidade nos innumerables grupos antisistema e anticapitalista, o anarquismo non é visto como o arma ideolóxica necesaria para as loitas que se aveciñan. Que posibilidades ten de ocupar o baleiro deixado polo leninismo, ata agora hegemónico, e xa claramente inservible? Como é o anarquismo que se precisaría para as loitas que se aveciña?

Pretendemos con este debate somente abrir un primeiro debate que esperamos continuar debido á amplitude do tema.


UTOPÍA FORO

No hay comentarios: